A comezos deste mes de decembro as eleccións ó Consello de En Marea foron suspendidas por irregularidades no proceso. No medio, houbo acusacións de fraude tanto por parte dos seguidores de Villares como dos críticos. Este feito evidencia -aparte da existencia de notorios enfrontamentos persoais- que hai diferencias ideolóxicas e, sobre todo, estratéxicas no seo desta organización. As diverxencias obedecen ó nivel de peso orgánico que lle pretenden dar uns e outros a este partido político.
Neste sentido, a marea baixa -os defensores de que En Marea só sexa unha coalición electoral entre nacionalistas e non nacionalistas á esquerda do PSOE- está representada por Podemos, IU-EU, polos alcaldes do cambio e pola maior parte da militancia de Anova-IN.
Pola súa banda, a marea alta está composta polos partidarios de Luís Villares: algún independentes, Espazo, a antiga Cerna e unha minoría dentro de Anova-IN. Todos eles plantexan que En Marea sexa máis que un partido instrumental, é dicir, unha formación plenamente soberana, cuxos eixes ideolóxicos sexan o galeguismo, o rexeneracionismo máis un socialismo transformador. A diferencia da marea baixa, a alta está soamente representada por forzas co centro de decisión en Santiago de Compostela. Non obstante, a pretensión dos villaristas é que o conxunto de grupos galeguistas e soberanistas á esquerda do PSOE lle den apoio electoral a En Marea en todas as convocatorias. Á súa vez, o político lugués pretende que En Marea funcione autónomamente en termos orgánicos.
Fóra de En Marea, a outra organización de esquerda galeguista e rupturista representada no Hórreo é o BNG: neomarxista, soberanista e tamén rexeneracionista. A diferencia dos anteriores, os frontistas viven un periodo de paz interior. Unha das súas liñas vermellas é a exclusión de pactos preelectorais das forzas de obediencia estatal; razón pola cal os nacionalistas non forman parte do partido instrumental.
Tendo en conta que a ruptura de En Marea pode suceder a curto ou medio prazo e que o sistema electoral galego non favorece as forzas de esquerda renovadora (a circunscrición e provincial, para obter representación no parlamento hai que lograr un 5% dos sufraxios en cada unha e as provincias sobrerrepresentadas son as orientais, que son socioloxicamente as máis conservadoras) o lóxico sería un achegamento por parte dos villaristas ó BNG para buscar unha coalición técnica nos vindeiros comicios. Se este último feito se dá, a marea baixa conformaría un auténtico Unidos Podemos.