Alfonso Rueda foi investido en maio de 2022 como o sexto presidente da Xunta de Galicia tras trece anos de Núñez Feijoo en San Caetano. O segundo, xunto a González Laxe, que accede ao cargo na metade dunha lexislatura. E o primeiro que logra tal obxectivo sen ser previamente candidato á presidencia do goberno galego.
Este cambio na presidencia do poder executivo desta comunidade autónoma coincide cunha transformación da estrutura sociopolítica de Galicia cara á esquerda, como expliquei no artigo O PPdeG ten serios problemas estruturais que ameazan a súa hexemonía: falecemento de anciáns conservadores (pulmón electoral do PPdeG), peche dalgunhas industrias, terciarización por conta allea como consecuencia da despoboación do rural, perda de peso do minifundio, desgaste do PP, efectos da crise de 2008 e aumento do poder institucional da esquerda galega (esta controla o 79% da poboación municipal de Galicia máis o 88% da demografía provincial actualmente).
Á parte dos últimos resultados electorais en procesos non autonómicos en Galicia (vitoria do PSdeG nas xerais (I) comunitarias de 2019 e vitoria pírrica do PPdeG nas locais e xerais (II) dese mesmo ano), a dereita ten 125.461 votos menos (PP, Vox e Ciudadanos sumaron 663.966 sufraxios en 2020 fronte aos 789.427 de PP e UPyD en 2009) respecto a hai unha década en comicios autonómicos. Ademais, en 2009 o PP galego e os maxenta tiñan o apoio do 30,7% da poboación galega. Pola contra, en 2020 as forzas azuis sumaron o respaldo do 24,61% dos habitantes de Galicia. Este 20% de perda de apoios en máis dun decenio confirma o declive sociolóxico da dereita en Galicia.
Esta circunstancia contraponse á dereitización do conxunto da sociedade española, especialmente nas comunidades. monolingües do centro-norte, centro e sur do país, onde á xa forte estrutura do PP súmaselle o éxito de Vox como forza capaz de atraer a cada vez máis sectores populares e mozos varóns a través dun discurso antifeminista, nacionalista español e defensor dos sectores produtivos tradicionais. En contraposición, en Galicia a ilusión polo cambio é liderada por un socialdemócrata BNG, que foi a primeira opción entre os menores de corenta anos nas autonómicas de 2020.
Como expliquei no párrafo introdutorio, se hoxe houbese eleccións en Galicia, a esquerda está moi preto de alcanzar a Xunta (fonte: Electomanía). Unha situación non vivida dende a perda do poder autonómico en 2009. Hoxe PPdeG e Vox sumarían 38/75 escanos (37+1). Parte deste feito é debido ao voto tirado de Galicia en Común-Anova-Mareas, que obtería representación na Coruña e en Pontevedra, pero non así nas circunscricións orientais.
A estratexia que adopte a marca electoral coa que se presente ás autonómicas a esquerda alternativa non nacionalista pode ser clave na decantación da balanza final en 2024. O feito de que as confluencias non se presenten (algo, en principio, descartable) ou de que si o fagan e a candidata sexa Yolanda Díaz (tendo en conta que en 2024 pode xa non ser ministra, no caso de haber un Goberno central PP-VOX na XV lexislatura) maximizará os resultados da esquerda galega, a cal podería sumar os preciados trinta e oito escanos. Se Galicia en Común-Anova-Mareas opta por poñer a un candidato pouco ou nada coñecido, o fracaso dos partidos de ideoloxía socialista está case servido.
No que respecta ao voto perdido nacionalista, previsiblemente este non existirá logo da desaparición de Marea Galeguista e trala absorción de practicamente todo o voto nacionalista vermello polo BNG.
Cómpre ter en conta tamén, á parte do feito de que o todopoderoso Feijoo non volverá presentarse en Galicia, que un posible Executivo central con Vox a partir de finais de 2023 sería un factor de mobilización do electorado progresista de cara ás galegas do seguinte ano.
Como podemos apreciar neste artigo, o espazo vermello en Galicia é en termos de estrutura social cada vez máis forte. Xa o é cando hai comicios europeos, xerais e locais; e está a piques de acadalo a nivel autonómico. No suposto de que Ana Pontón acade a presidencia da Xunta en 2024, de que a súa xestión sexa ben valorada polos galegos e de que aproveite a presenza da dereita alternativa na Moncloa para buscar un enfrontamento institucional en clave galeguista, todos estes elementos poden dar lugar a anos ou mesmo décadas de éxito das forzas esquerdistas en Galicia. Non esquezamos, neste sentido, o cambio sociopolítico nas idades baixas nesta comunidade, a diferencia do resto de España.
Sei que son moitos supostos, pero, por exemplo, lembramos como estaba o PP vigués en 1995? Obtivera 15/27 concelleiros. E como está agora? Con 4/27. Ahí o deixo.