O PPdeG gañou as eleccións do pasado 12 de xullo ao obter unha incontestable maioría absoluta. Esta coincidiu aritmeticamente coa de 1997, ao lograr a doce cifra de 42 parlamentarios no Hórreo sobre un total de 75.

En abril de 2020 escribía neste mesmo blog, Polileaks, un artigo titulado Cales son os factores do éxito do PPdeG de Núñez Feijóo?. Reafírmome no que expuxen aquel día: o PP galego goberna a Xunta; conta cun líder centrado, moderado e respectado; ten bos estrategas; benefíciase dunha parte da oposición de esquerdas bastante ineficiente (especialmente, Caballero e as confluencias) e con outra de dereitas (VOX e Cs) organizativamente moi feble; mantén un gran número de militantes por todo o territorio; dispón de importantes apoios mediáticos e empresariais… e o que é máis importante: o PPdeG parécese bastante á media ideolóxica dos galegos.

En resumo, este partido ten un gran poder na sociedade galega. Pero estes datos, á súa vez, esconden perigosos problemas estruturais. Por estrutural refírome ao conxunto dos pilares sociais e institucionais que garanten un éxito sostible dunha formación no presente e, sobre todo, a longo prazo. E aquí o PPdeG ten varios talóns de Aquiles.

O primeiro destes inconvenientes é socioelectoral (I) a nivel autonómico. En 1997 o PP obtivera 832.751 votos (32,45% do censo electoral) mentres que o mes pasado obtivo 627.762 sufraxios (23,27% do total do censo). E todo iso, tras agochar (en 2020) o líder nacional e a marca electoral… e presentar como candidato ao político máis popular (nunca mellor dito) da súa organización.

O segundo problema, bastante máis grave que o anterior, é socioelectoral (II) fóra do ámbito autonómico: 2019 foi o ano que marcou o final da imbatibilidade electoral do PP tras catro décadas gañando ininterrompidamente eleccións en territorio galego. Así, os conservadores perderon nas xerais do 28-A e nas europeas dese ano. Só lograron pírricas vitorias nas locais do ano pasado e nas lexislativas do 10-N.

Vexamos, pois, as comparativas de procesos electorais entre 1995-1999 e 2019:

En primeiro lugar, atopamos as eleccións comunitarias de 1999, nas que o PP en Galicia superara lixeiramente o umbral do 50% dos votos (50,58%). Vinte anos despois os azuis obtiveron vinte puntos menos (30,18%).

En segundo termo, se comparamos as xerais de 1996 coas do 10 de novembro de 2019 dentro do ámbito galego, observamos como o PP perdeu case dezasete puntos porcentuais de apoio comparativo (48,75% vs. 31,94%).

Dentro da esfera municipal, no inesquecible -para os populares– 1995 estes impuxéranse por maioría absoluta en catro dos sete municipios máis poboados e lograran o 48,46% dos votos, que contrastan co 36,38% de 2019, cando o máximo logro nas grandes urbes foi a cogobernanza da cidade de Ourense cos localistas centrodereitistas de Democracia Ourensana.

Se sumamos o total de puntos perdidos para os conservadores entre as distintas eleccións de 2019 e as celebradas nos dourados noventa, apreciamos unha perda media de máis de dezaseis puntos en comicios non autonómicos.

Á parte destes indicadores, o maior perigo para o PPdeG está no relevo xeracional, pois o BNG foi a primeira forza o 12-X entre os menores de 40 anos mentres que a gran fortaleza dos populares segue estando entre os maiores de 65 anos.

No plano institucional, o PPdeG de 1997 tiña baixo o seu control a maioría absoluta dos concellos, as catro deputacións, a Xunta de Galicia, o Goberno central e a maior parte das carteiras da Comisión Europea. En contraposición, hoxe en día (dentro das entidades xeográfico-políticas relacionadas directamente con Galicia), á parte da Xunta, os azuis tan só cogobernan o executivo comunitario, a deputación de Ourense e un exiguo 21% a nivel municipal.

Neste declive, debemos ter en conta factores internos e externos. Dentro dos primeiros, destacamos o desgaste do PP a causa da corrupción e da adopción de medidas económicas impopulares durante a Gran Recesión (2008-2017).

Pola súa banda, os factores externos son máis cuantiosos: o falecemento progresivo de anciáns conservadores, moi numerosos; máis a aparición de dúas xeracións (os nacidos entre 1980 e 2002) criadas plenamente baixo o paraugas democrático, que padeceron os efectos da crise económica e política, que foron influenciadas ideoloxicamente por leis educativas de signo progresista (LOGSE e LOE); que recibiron constantes mensaxes en manifestacións, campañas publicitarias e nos medios de comunicación en favor de valores igualitaristas (rexeitamento aos recortes no Estado social, proteccionismo laboral, feminismo, LGTBifilia, antirracismo…); e que son activos nas redes sociais -onde o control da dereita é menor-.

Á parte destes datos cualitativos, cómpre considerar tamén como causas externas da decadencia estrutural do PPdeG a perda de peso da pequena propiedade agropecuaria en Galicia nas últimas décadas e, lixeiramente, a competición con Cs e VOX dentro do espectro político azul.

Estes indicadores explican este claro xiro electoral e socioestrutural á esquerda na sociedade galega; en particular, entre os mozos e adultos xoves.

Despois do que acabamos de ler, sorprende que o PPdeG de 1997 e o de 2020 teñan o mesmo número de deputados e que o deste ano conserve, e incluso mellore, a maioría absoluta que tamén acadara en 2016 (41/75). A falta de proxectos -dende as forzas de esquerda- que sexan á vez ilusionantes, non divididos, sólidos internamente e capaces de atraer maiorías sociais explica parcialmente o seu fracaso o 12-X.

O grave para os populares galegos é que en 1997 gañaban as autonómicas obtendo 205.000 votos máis que en xullo deste ano, sendo todopoderosos institucionalmente, estando orgullosos de Aznar e das súas siglas e tendo de candidato a un exministro franquista coma Fraga. E en 2020 o PP venceu baixando case dez puntos en apoio censal respecto a vinte e tres anos atrás, obrigados a semiesconder ao aznarista Casado e a marca PP, cun candidato do máis atractivo politicamente (Feijóo) para o votante medio e nunha contenda electoral con rivais propicios para un resultado mellor: unha candidata independentista e amiga de EH Bildu, CUP e ERC; un candidato sucursalista de Sánchez; unhas confluencias que viñan divididas e dunha desfeita interna; unha oposición de dereita españolista sen apenas estrutura organizativa; máis a ausencia de Democracia Galega (forza galeguista de centro-dereita que competiu contra Fraga en 1997) e doutra forza homóloga que lles quitase 11.538 sufraxios.

As comparacións son odiosas.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *