O fenómeno Podemos trouxo o 25-M e nas enquisas posteriores como novidades unha ameaza ó bipartidismo, un xeito anticlásico de facer política exitoso electoralmente, a heteroxeneidade en canto á procedencia dos seus votantes ou o feito de que por primeira vez unha forza/coalición electoral á esquerda do socioliberalismo ten opcións serias de competir pola gobernabilidade de España.
Ó mesmo tempo, desde o punto de vista politolóxico, esta forza deu protagonismo a outro eixe ideolóxico parecido anque diferente do tradicional dereita/esquerda: sistemismo/rexeneracionismo. Puxeron así o acento na rexeneración democrática, tomando como variables da mesma a loita contra o fraude fiscal e a corrupción, a maior participación social ou a equidade social.
Asimesmo e a pesar dun claro programa igualitarista, Podemos evitou en moitas ocasións declararse de esquerdas para así, xunto co feito de ser nova, de non estar salpicados por ningún problema xudicial e de ter un discurso cuxo acento estaba na hixiene política e na loita contra a oligarquización de España; lograr exitosamente captar, ademais de bastantes esquerdistas, a un público alleo a este espectro ou escasamente politizado.
Esta diferenciación respecto á vella esquerda alternativa (entendendo por alternativa, neste caso, a preconización dun máis intenso igualitarismo social e económico, en comparación co PSOE) representada en organizacións como IU ou BNG, foi a que lle permitiu ó partido dos indignados erixirse como un movemento emerxente dentro do mapa político español e configurarse como unha forza de nova esquerda alternativa como o Encontro Irmandiño, Equo ou Espazo Ecosocialista, pero coas súas peculiaridades estratéxicas e formais.
Se levamos a comparación ó extremo dentro da esquerda alternativa non revolucionaria e comparamos a Podemos coa UPG ou o PCE, 2 partidos de orientación comunista –máis teórica que práctica-, observamos como en termos de igualdade comparten a gran maioría de postulados: crítica á Troika, profundización democrática, defensa do gasto social, progresismo en canto a dereitos civís, antiimperialismo…
Non obstante, si existen diferencias de índole institucional, sociolóxica e ideolóxica (neste último caso, nun sentido táctico). No primeiro caso, hai unha maior intensidade e presencia da defensa da radicalidade democrática no discurso de Podemos. Non obstante, non debemos tampouco subestimar a aposta destes 2 partidos comunistas –e por ende, de BNG e IU- pola rexeneración institucional.
Sen embargo, si se ven diferencias neste eixo en canto o maior antisistemismo podemista, ás críticas destes ós sindicatos que teñen unha forte presencia institucional (CIG, CC.OO. e UGT) ou a insistencia na implantación de primarias abertas (feito ó que, por exemplo, Cayo Lara foi reacio a levar a cabo en IU).
A nivel sociolóxico, o partido de Pablo Iglesias, aparte de ser capaz de atraer a sectores sociais ideolóxicamente non socialistas, é actualmente o preferido segundo as enquisas entre a poboación moza (18-35 anos) e logrou achegarse mellor ós movementos sociais non institucionalizados (PAH, batas brancas, mareas verdes…). A ilo hai que engadir unha diferencia sustancial respecto ós partidos comunistas tradicionais e que é indicativa de por qué Podemos está de moda e por que conecta cun maior número de xente e, á vez, máis moza: a maior presencia nas redes sociais (aparte da sorte e o mérito de contar cunha importante presencia televisiva), en contraposición á maior importancia que a UPG ou o PCE lle dan ás manifestacións na loita social e política; consecuencia, entre outras, dun obreirismo máis forxado historicamente.
E finalmente os simpatizantes da nova formación xogan á transversalidade ideolóxica –incluso recoñecendo ás veces e demostrando que son de esquerdas- mentres que os comunistas seguen remarcando ter presente o eixe tradicional esquerda/dereita, pois a súa intención é principalmente pór o acento na loita contra a desigualdade en tódolos ámbitos.
En definitiva, aparte das mencionadas diferencias institucionais, sociolóxicas e de táctica ideolóxica entre a vella esquerda e o sector indignado da nova esquerda, hai que engadir, a modo de conclusión, o feito de que os segundos posúen elementos posmodernos no seu discurso, ó querer dar unha constante imaxe de organización do século XXI, desde o punto de vista social, comunicativo e de xestión interna; e de superar algúns dos esquemas ideolóxico-mentais que forxaron parte da historia política contemporánea en Occidente.
Imagen: e-faro.info