O 25 de xullo de 2018 volveu escenificar a división existente no seo das confluencias galegas, xa que os distintos partidos políticos realizaron cadanseu acto por separado, incluso En Marea como organización autónoma. As mareas viven así un dos seus peores momentos dende o nacemento de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) en 2012.
Como analizabamos no artigo Os problemas de En Marea, diversos factores contribúen á ausencia de éxito desta candidatura: fortaleza social e institucional do PPdeG, ideoloxía distanciada da media galega, inimizades persoais, loitas de poder e diferenzas de concepción política.
Antes das desunións das que imos tratar, a esquerda española e parte da esquerda galega acordaran dúas primeiras alianzas electorais: a primeira, baixo o nome de Alternativa Canguesa de Esquerdas (2007). Posteriormente naceu en 2012 Alternativa Galega de Esquerdas (AGE), integrada por Anova-Irmandade Nacionalista, Izquierda Unida-Esquerda Unida, Equo e Espazo Socialista Galego. Esta candidatura obtivo 9/75 escanos. As razón deste éxito foron, entre outras, o declive do BNG –que sufrira dúas escisións en 2012-, o tirón electoral de Beiras, o empuxe do movemento 15-M, a forte indignación nun sector da sociedade galega pola crise económica e política e o auxe de IU no conxunto de España.
A xénese dos problemas internos dos rupturistas apareceu en 2013 tras a renuncia da acta de deputado por parte de David Fernández, de Anova-IN nese momento, que marchara entón de Galicia por motivos profesionais. As cúpulas nacionalista e de IU-EU consideraron que o escano debería corresponderlle a un militante anovado. Sen embargo, pola orde de listas electorais tal posto pertencía á Carmen Iglesias (EU), que se negou a renunciar a acta, pasando ó Grupo Mixto. Este feito marcou o comezo das liortas internas dos confluíntes.
A este feito seguiulle a escisión de Cerna no seo de Anova-IN, que rexeitaba a alianza coa esquerda estatal a longo prazo. Iso deu como resultado a incorporación de Consuelo Martínez ó Grupo Mixto. A Iglesias e Martínez aínda se lles uniría Mónica Fernández (Cerna), deixando así a AGE como cuarta forza no Parlamento, por debaixo do BNG (que tivo 7/75 deputados na IX Lexislatura).
No medio destas liortas sucedían diferentes acontecementos que favorecían o espazo electoral de esquerda renovadora diferente do BNG: nacía Podemos, seguía deteriorada a situación política e económica, e frontistas e PSOE vivían un dos seus peores momentos socioelectorais da historia democrática recente. Por tanto, a inestabilidade dos neogaleguistas quedaba en certa medida amortizada. Por outra banda, o protagonismo a nivel municipal de moitos cidadáns non adscritos previamente á política, e mais a mencionada aparición da emerxente formación morada, deu lugar a un cambio de nome da coalición de esquerda alternativa galeguista: En Marea –partido instrumental dende novembro de 2015- substituíu a AGE. En certa medida, esta variación da nomenclatura tapou a desgastada imaxe que tiña Alternativa xa en 2015.
Por suposto, o contexto preelectoral estatal de 2015 e 2016 non estivo exento de polémica nas confluencias. Mentres Anova-IN defendía que En Marea fose coas súas siglas nunha gran coalición rupturista onde tamén estivese o BNG (os anovados defendían que, no caso de que En Marea obtivese 5 escanos no Congreso dos Deputados, formase un grupo parlamentario galego), Podemos e boa parte de EU opoñíanse. Finalmente, En Marea presentouse como unha coalición de partidos nas eleccións xerais de decembro de 2015 e en xuño de 2016.
O contexto preelectoral autonómico de 2016 tamén foi complexo para o conxunto destas organizacións. Anova-IN, Espazo, os alcaldes do cambio e parte de IU-EU eran partidarios dunha En Marea auténtica, é dicir, sen formato de coalición. Podemos oscilaba entre ir en coalición nunha candidatura que amosase a súa marca ou, en caso contrario, presentarse en solitario. Finalmente, Pablo Iglesias interveu e cedeu ante os partidarios dunha marea homoxénea en termos xurídico-electorais. Iso provocou o descontento e marcha dunha pequena parte dos militantes de Podemos, que vían ós morados oficialistas pregados ao nacionalismo galego de esquerdas.
Por outra banda, o modelo de partido instrumental de En Marea deseñado por Luís Villares (portavoz parlamentario da formación) e os seus partidarios obtén o rexeitamento de moitos dos militantes dos partidos políticos rupturistas desa órbita, que o ven pouco incluínte.
Un dos episodios máis incómodos para as mareas –aínda sen resolver- protagonizouno a deputada podemita Paula Quinteiro, negándose a dimitir despois de manter unha liorta coa policía local santiaguesa; os axentes interviñeron en contra dun grupo de mozos que actuaran con vandalismo. Aínda que Quinteiro non está imputada, o seu comportamento foi obxecto de reprobación por moitos simpatizantes da candidatura á que representa. Este feito acentuou as diferenzas entre o núcleo de Villares (partidarios de que renuncie á acta) e os detractores deste último, que neste tema, na súa maioría, apoiaron á parlamentaria viguesa.
Finalmente, o acordo previo electoral entre Podemos, IU e Equo para as eleccións locais e europeas de 2019 foi interpretado polos militantes do partido instrumental como un menosprezo a Galicia e a esta formación, afondando aínda máis nos problemas internos desta alianza de esquerdas.
Como podemos apreciar, as liortas no seo desta formación son constantes e o proceso natural é que as organizacións socialistas rupturistas de ámbito estatal vaian pola súa conta (así como os partidarios de Anova-IN de ir xuntos con eles) e que os máis nacionalistas en termos ideolóxicos e de estratexia electoral sigan un camiño diferenciado, ben por separado ou en coalición co BNG.
O que si está claro respecto a estas organizacións é que a día de hoxe non hai un nivel suficiente de unidade en termos sociais e que todos estes actos xeneran impopularidade entre boa parte da poboación galega.