A polémica en torno a dimisión ou non da deputada Paula Quinteiro acentúa a crise de En Marea, que xa sufría importantes divisións internas e que, pola falta de ilusión que xenera entre unha parte do seu potencial electorado e a causa da solidez do PPdeG, ve lonxe a posibilidade de sumar en favor dun cambio de esquerdas nas eleccións autonómicas que previsiblemente se celebrarán en 2020.

            Cales son os obstáculos que impiden o éxito das confluencias na nosa terra?

            En primeiro lugar, a fortaleza social, institucional, estrutural e mediática dos conservadores en Galicia. Lembremos que o PP de Galicia pode presumir de ser a única candidatura española que dende 2011, nunhas eleccións de carácter supralocal, logrou e mantivo a maioría absoluta.

            En segundo termo, cómpre ter en conta que, segundo o CIS de setembro de 2016, o 80% dos galegos non é nacionalista (lembremos que Anova-IN forma parte de En Marea e que en torno a un tercio dos seus votantes así se declaran) e que a nosa media ideolóxica é centrista (4,82/10 nunha escala esquerda-dereita).

            En terceiro lugar, o apoio por parte da esquerda renovadora á convocatoria dun referendo de autodeterminación en Cataluña, xunto coas críticas tibias ó plebiscito ilegal do 1 de outubro de 2017, produciron, ó menos nas enquisas, un distanciamento con boa parte dos, ata ese momento, simpatizantes. Como sabemos, este é un tema de especial trascendencia no conxunto de España, onde a maioría da población –incluindo a galega- ten unha visión moi crítica da actuación da Generalitat neste asunto. Así, de acordo con Sondaxe (novembro de 2014), só o 15% dos galegos aceptaría unha consulta legal no que soamente participase a poboación catalá.

            En cuarto termo, debemos ter en conta a idiosincrasia ideolóxica e organizativa dos neogaleguistas. Por unha banda, trátase dunha organización onde coexisten nacionalistas e non nacionalistas, polo que é natural que xurdan discrepancias. Desta forma, unha parte de Podemos-Galicia e do PCG ven nesta marea un intento semiencuberto por parte de Anova-IN de crear un BNG bis a través da alianza coa esquerda non nacionalista. Os podemitas críticos (por exemplo, Breogán Riobóo) consideran tamén que na actualidade hai espazo socioelectoral para un Podemos en solitario, tal e como constata a fortaleza deste partido no conxunto do Estado, así como o feito de que a formación morada obtivo un 8,34% no territorio galego nas eleccións ó Parlamento Europeo celebradas en 2014. Con dito número de apoios, entraría no Hórreo.

            En quinto lugar, no que se refire á idiosincrasia organizativa, hai que considerar que hai dúas mareas: o partido instrumental máis o grupo parlamentario, onde Podemos posúe 7/14 deputados. De entre os sete restantes hai ademais dous partidos máis: Anova-IN e IU-EU. Deste xeito, En Marea como partido autónomo (o BNG bis levado a partido político, segundo os críticos) non ten forza suficiente como para influir no grupo parlamentario. Esta situación é percibida por moitos cidadáns como de división ou de inestabilidade.

            En relación cos problemas internos, xa en sexto termo, non debemos esquecer o feito de que Luís Villares, o único independente do grupo parlamentario de En Marea, portavoz do mesmo e militante do partido instrumental, non convence ós principais líderes dos partidos da confluencia. O feito de ser pouco ou nada coñecido para a maioría dos galegos tampouco axuda no crecemento desta candidatura.

            A estas causas hai que sumarlle tamén, por un lado, o ascenso de Ciudadanos, que, segundo Sondaxe (marzo de 2018) fai unha pequena fronteira ideolóxica cos rupturistas; por outro, a asociación que algún medios fan de Podemos con réximes pouco ou nada democráticos; así como a mala imaxe pública de Pablo Iglesias, líder de Podemos, quen suspende en canto a valoración de líderes políticos en todas as enquisas.

            Para rematar, a modo de opinión persoal dende una perspectiva de eficacia electoral e de estabilidade interna das forzas, penso que o máis lóxico é que nas eleccións autonómicas (75 escanos en xogo) haxa unha separación entre nacionalistas e non nacionalistas de esquerda (cómpre ter en conta, neste sentido, segundo o CIS de decembro de 2015, que en torno a una décima parte dos votantes de En Marea eran partidarios da recentralización). No que respecta ás eleccións xerais –só hai 23 deputados en xogo, sendo tamén a provincia a circunscrición electoral- a situación é diferente: aquí unha coalición que incluso integre ó BNG ten máis sentido. En todo caso, a decisión corresponde a cada un dos partidos políticos de esquerda alternativa e rexeneracionista.

 

 

https://es.wikipedia.org/wiki/En_Marea#/media/File:En_Marea_logo.svg

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *