Connosco temos ao politólogo Carlos Vázquez Padín, presidente de Converxencia 21 é voceiro do seu grupo municipal no concello de Tui onde obtivo un notable éxito nas pasadas eleccións municipais, duplicando votos e concelleiros e pasando a ser 3ª forza política. Carlos fundou C21 no 2009, unha formación galeguista e liberal e que vai presentarse ás eleccións autonómicas galegas que terán lugar este ano.
-Que cres que diferencia a Converxencia 21 do resto de formacións políticas con representación institucional no Estado?
Describilo en detalle levaría moito espazo, máis fundamentalmente o que nos diferenza é unha defensa ferreña da liberdade individual en todas as suas vertentes, menos Estado e máis individuo, menos impostos, menos burocracia, máis sociedade civil e menos política. Tamén nos diferencia a forma de ver a lexitimidade dos Estados, o Estado débese ás persoas, é dicir, un Estado non debe reter un territorio coa sua xente contra a vontade da maioria das persoas dese territorio (unha cidade, unha nación cultural, etc), ningunha unidade política pode ser sacrosanta, ten que ser voluntaria, desde un punto de vista liberal compete aos defensores da unidade de España persuadir e non impor, un dos elementos da liberdade individual é o dereito á libre asociación dos individuos, formar un Estado propio, se non se está conforme co estado actual de cousas, é unha consecuencia lóxica do exercicio dunha liberdade individual, “unidade coactiva ou obrigatoria” e liberalismo son incompatibles.
-Por que en Galicia e en España non triunfan as candidaturas de corte liberal?
Porque predomina a cultura implantada polo estatismo e o esquerdismo en defensa da idea dun Estado forte que supostamente está ideado para proporcionar seguranza física e económica aos individuos, cando en realidade o seu obxectivo é a concentración de poder, a maior parte da cidadanía non quere oir falar da palabra responsabilidade, quen alude á irresponsabilidade de quen asinou unha hipoteca que superaba o 50% dos ingresos familiares e que serviu para financiar o 100% do piso, do coche novo e as vacacións?, ninguén, a responsabilidade está fondamente ligada á noción de liberdade, non hai liberdade sen responsabilidade, a retórica dos dereitos gañou a hexemonia cultural, Gramsci tiña razón cando situaba á hexemonia cultural como absolutamente crucial na loita política, a esquerda gañou a hexemonia cultural e compre dar a batalla das ideas para que a perda, sendo conscientes das dificultades de facelo.
A dereita española actual, quizá por un xustificado complexo derivado da sua orixe no franquismo, é un cero á esquerda na batalla das ideas, é incapaz de establecer un debate de ideas coa esquerda, o PP non representa nengún tipo de principio, nen os liberais, nen os cristáns, o PP é hoxe un catch all party (partido apaña todo) levado pola corrente da hexemonia cultural da esquerda e que asume case toda a sua propaganda, incluida a falsa gratuidade dos servizos públicos, sí hai certo “orgullo ideolóxico” na prensa madrileña de dereitas, pero non no PP. En resumo, na loita das ideas, “el PP no está ni se le espera”. O PP sí que contribuiu a abonar o terreno para o populismo, coa sua defensa da intervención estatal e coa sua corrupción xeneralizada, xenealóxicamente o PP ten unha forte dimensión social, lembremos a rixidez da lexislación laboral franquista, auténtica envexa da esquerda actual que non se atreve a reinvindicala por quen a implantou e non polo seu deseño, a forte aposta polas vivendas sociais nos anos 50 e 60, a creación da Seguranza Social por parte do falanxista Girón de Velasco, esa dimensión social de procedencia falanxista e cristán do franquismo, de onde procede o PP, non pasa hoxe, despois de 40 anos de democracia, de ser unha aterraxe suave no consenso socialdemócrata. Hoxe o PP non é un partido franquista en absoluto, é unha organización sen nengún tipo de principio e orientada á conservación do poder e á satisfacción das suas clientelas a custa dos contribuintes, ao servizo desa lóxica de conservación do poder non cabe outra praxe que a socialdemócrata.
Na sua estratexia propagandística o Estado resalta moito máis o que nos fornece; sanidade, educación, infraestruturas, subsidios, etc que o que nos quita, impostos actuais e futuros (débeda), de tal maneira que a maioria da poboación cre erróneamente que recebe máis do que achega, hai un certo egoísmo insano no apoio ao estatismo, moita xente, manipulada polo Estado, acredita que a nivel individual a conta co Estado lle resulta favorable, en moitos casos a conta está mal feita, especialmente as clases medias que non dependen directamente do Estado, é dicir que non forman parte da sua estrutura funcionarial ou política, son perxudicados netos da redistribución estatal. Mesmo o empresariado tende a pensar máis nos subsidios ou en manobras proteccionistas para a sua industria que na defensa dun contexto de libre mercado pouco regulado con impostos baixos e competititivo, o Estado coopta e corrompe normalmente mediante subsidios, todas os estamentos necesarios para manter incólume o seu poder: os medios, os lobbies sindicais e empresariais, etc.
Desde o punto de vista territorial a cidadanía galega cre que é fortementemente dependente do Estado, das transferencias procedentes das zonas ricas de España, o que tamén dificulta especialmente o éxito do galleguismo político, a virulencia dalgúns en Galicia, Andalucia ou Extremadura con respecto ao proceso catalán ten a ver moito con iso, saben que o malgasto público que nutre as suas redes clientelares están en serio perigo se Cataluña se independiza.
Ademáis a xente nova, en especial, é vítima da retórica dos dereitos, todos son dereitos, dereito ao traballo, dereito á vivenda, etc, non se oe nada dos deberes, da responsabilidade, nen da lóxica económica que está detrás da posibilidade de ter traballo e da posibilidade de ter vivenda ou outros bens, é dicir, descoñécese o que está detrás deses bens, a acumulación de riqueza baseada no aforro, na austeridade, no esforzo, no traballo. Son portanto vítimas propiciatorias dalguén que chega cun discurso no que os desresponsabiliza de todo e que lles promete un paraíso inexistente e inalcanzable, o do benestar non sustentado nunha creación previa de riqueza, riqueza que só pode encontrar as suas bases no aforro, no investimento, no traballo, na seguranza xurídica, na estabilidade política, na paz, etc.
Neste sentido os liberais somos os “augafestas”, somos os que dicimos que o conto de fadas non é real, que hai que esforzarse para que nos vaia ben, que o populismo que garante o paraíso, o que acabará é fornecendo o inferno, e non porque o digamos os liberais, senón porque se ten constatado así en todos e casa un dos casos nos que o populismo ten conseguido o goberno para tratar de implementar as suas propostas, digo para tratar de implementar porque nunca consegue implementar unhas propostas infinanciables e cando ten un enorme maná para implementalas, como o caso do petróleo en Venezuela, tamén acaban destrozando o Pais ata pólo por debaixo do nivel no que as cleptocracias previas o deixaron, hoxe Venezuela é un inferno de violencia, de pobreza, de corrupción, de escasez, de arbitrariedade e de escasez enerxética! hoxe Venezuela bate records en cortes de electricidade e comezou a importar petróleo dos EUA. Os populistas sempre fracasan, o problema peor non é ese, o problema é que son como Atila, por onde pasan tarda moito en voltar a medrar a herba, deixan o país completamente descapitalizado, coas estruturas produtivas destruidas e cunha estrutura de valores destructiva e moi dañina que desacredita a responsabilidade, o esforzo, o traballo, o risco emprendedor, o aforro e a austeridade.
O ser humano resístese a que o desperten dun soño maravilloso, e os liberais somos ese despertador, sempre desagradable, que lembramos que hai que levantarse cedo para buscar o cocido, por iso unha vez máis a emoción vence á razón cos terribles riscos que isto entraña. Na disxuntiva eleitoral e política entre o despertador que te toma en serio e che di como funcionan as cousas porque así funcionaron en todos os países do mundo que prosperaron e o vendedor de pócimas milagreiras a xente estase decantando polo vendedor de pócimas milagreiras. Cando o vendedor de pócimas fracase, porque sempre fracasan, resulta sempre que a pócima non era curativa, nen sequera inocua, senón que era venenosa, o vendedor da pócima seguiralle botando a culpa ao que xa advertiu de que non había que tomar a pócima, que era mellor optar polo exercicio e unha alimentación equilibrada.
-Tendo en conta que dende 1993 non houbo ningunha forza nacionalista galega e centrista no Parlamento, daríanse os condicionantes no noso país para que unha formación desta natureza, coma a vosa, volva ó Hórreo, se finalmente BNG e CxG entran en En Marea?
As barreiras de entrada son moi importantes, superar o 5% dos votos nalgunha das circunscripcións atlánticas, en Lugo e Ourense nen con iso chega, requeriría tres factores: ter un financiamento non inferior a un millón de euros, ter moita presenza mediática, e ter un discurso político baseado no que unha parte significativa da poboación queira ouvir. Se fallas nalgún dos dous primeiros elementos podes compensalo parcialmente cunha implantación territorial forte e capilar e digo parcialmente, por exemplo o BNG ten unha implantación institucional en Galicia moi superior á de Ciudadanos, sen embargo estes obtiveron mellores resultados que aqueles o 20D.
En relación ao terceiro elemento, é posible que con diñeiro e repercusión en medios puidesemos entrar no parlamento, pero sen esquecer unha dificultade adicional, en Galicia hai poucos galeguistas, no sentido político do termo, e case todos os que hai están ubicados na esquerda e votan ao BNG ou a En Marea, de forma case intercambiable, tamén hai poucos liberais, e os que hai soen provir da tradición liberal española extremadamente xacobina e portanto moi refractaria a calquera cousa que non sexa a defensa pechada dunha España uninacional. C21 representa o primeiro nucleo de pensamento liberal galego non provinciano, creador de opinión propia e non mero consumidor e repetidor de opinión xenerada por élites políticas de fóra de Galicia, e non só iso, C21 insire a Galicia nas correntes máis avanzadas do pensamento liberal mundial.
É preciso comprender que só haberá máis galeguistas o día que Galicia teña éxito económico e Galicia só terá éxito económico cando sexa liberal, como Irlanda. Hoxe Placido Castro, membro liberal do Partido Galeguista da II República preconizaría a adopción do modelo irlandés de baixos impostos, por certo, nós solicitamos no seu día á Fundación Placido Castro, á que nos remitiu a sua filla, poder rendirlle unha homenaxe cada 25 de xullo ante o seu cadaleito en Cambados e foinos denegado, extraña forma de promocionar unha figura tan descoñecida como interesante.
A resposta á pregunta é que neste momento, C21 non cumpre nengún dos requisitos necesarios para poder obter representación no Horreo, co stablishment do pre-podemismo (PP e PSOE) desacreditado e unha vez constatado o absolutamente seguro fracaso do podemismo (se este chegar ao poder, algo moi probable), a oportunidade para os liberais poderá chegar no pos-podemismo. En Europa occidental non estamos vacinados frente ao comunismo, como si o están os europeos do leste, somos portanto vítimas propiciatorias de formulacións neocomunistas como as de Podemos.
-Estarían dispostos a buscar unha coalición electoral con outras forzas galeguistas que pivotan en torno ó centro nacionalista (CxG, Coalición Galega, Terra Galega ou Partido Galeguista) para as eleccións deste ano?
Esa é unha decisión que lle corresponde á Executiva Nacional de C21 e non a min. Nós tivemos en 2012 unha iniciativa encamiñada a avanzar nesa dirección, a do Foro do galeguismo de centro, Terra Galega só apareceu á primeira xuntanza, esta primeira xuntanza foi moi ben, xa tiñamos acordado o modelo organizativo dun novo partido no que todos nos poderiamos integrar iso fixo saltar as alarmas a xente que non estaba interesada en que o proxecto fose adiante e en sucesivas reunións pediusenos expresamente que había que ir máis lentamente, outro interlocutor chegou a dicir que tiñan unha pretendienta máis guapa, referiase a CxG, o resto xa o sabemos, case todos acabaron en CxG, partido que está na actualidade pensando en integrarse nas confluencias da esquerda neocomunista española. Nós xa advertimos no seu día que unha escisión do BNG, como CxG, difícilmente podía ser a base dun movimiento político alleo á esquerda, o tempo deunos a razón.
-Cales son os vosos obxectivos electorais para a convocatoria que terá lugar neste 2016?
Non hai obxectivo eleitoral como tal, se nos presentamos é para continuar divulgando a nosa existencia, a nosa mensaxe pensando no futuro. Se aparecese alguén disposto a achegar un millón de euros para a campaña sí que habería que fixar obxectivos.
-Que opinión ten vostede acerca do debate ideolóxico existente na actualidade dentro do nacionalismo galego socialista sobre se facer ou non pactos preelectorais coa esquerda estatal?
Coido que máis que un debate ideolóxico é un debate estratéxico, o programa eleitoral do neocomunismo español colma os anceios da inmensa maoría da base social do BNG, un discurso ideolóxico á esquerda do PSOE e a defensa de referenda de autodeterminación, o BNG vai ter difícil xustificar a sua non absorción por parte da forte corrente do neocomunismo español. Pero que ninguén subestime a capacidade de resistencia da UPG, coido que van apostar por encetar unha travesía no deserto agardando o refluxo da maré, nese caso sería moi probable que quedasen fóra do Parlamento galego e terían que agardar anos a unha nova oportunidade que se “poderia non chegar” sen esquecer un grave problema que teñen, a sua escasa taxa de renovación interxeracional, a diferenza dos 90, hoxe moi poucos universitarios se integran no BNG, tamén poderían resucitar facendolle contracampaña na rua a un goberno autonómico de En Marea, que como calquera goberno populista, sería incapaz de cubrir as irreais e fantasiosas expectativas que sempre crean nos seus seguidores este tipo de opcións, lembremos o exemplo recente dos votantes de Syriza manifestándose contra o goberno de Syriza uns meses despois de ser elexido.
-Nalgúns dos seus artigos na prensa, vostede amosouse sempre moi crítico co programa económico das forzas de esquerda alternativa (Podemos, IU, Anova, BNG…). Non cre, en contra do que poida parecer a priori, que hai bastantes elementos que os unen cos liberal-demócratas (republicanismo, profundización democrática, rexeneracionismo, impulso dos dereitos civís, loita contra os oligopolios…)?
As únicas coincidencias que eu podo ter coa estrema esquerda son nalgunhas partes da sua crítica política ao sistema actual, non en todas, pero nas receitas, non hai nada en común, o programa da extrema esquerda levaría a agravar todos os problemas diagnosticados, que alguén me diga un país onde a extrema esquerda deseñara e implementara reformas institucionais encamiñadas a unha maior separación de poderes, a unha menor intervención do Estado na economía, os oligopolios en España teñen a sua orixe e reforzamento na intervención do Estado, a extrema esquerda crearía monopolios estatais, máis ineficientes e máis corruptos que a oligarquía das portas xiratorias do IBEX-BOE, botemoslle unha ollada ao que pasou con Repsol en Arxentina, funciona agora mellor, xera máis riqueza no Pais despois da sua nacionalización? Todo o mundo sabe que non, o da profundación democrática faime graza, Podemos ten un nivel de verticalismo nas suas decisións que o asemella ao PP, hoxe Pedro Sánchez ou Xavier Vence son moito máis febles con respeito ao seu partido que Pablo Iglesias, poderíamos rebatizar a Podemos como “Lo que diga Pablo Iglesias”, como aquel partido dominicano que se chamaba “Lo que diga Balaguer”.
Tamén podemos falar dos dereitos civis, dos presos políticos en Venezuela, ou como asasinaron a un fiscal na Arxentina que ia acusar a Cristina Fernández, os dereitos civis só se respeitan nas democracias liberais, onde a extrema esquerda tivo poder acabou cos dereitos civís, o réxime castrista sempre foi homófobo, etc, etc, insisto, só a democracia liberal garante o respeito dos dereitos civís, e non me doen prendas en recoñecer que a socialdemocracia actuante nas democracias liberais tivo un papel de certa lideranza neste sentido, en ningún caso extrapolable a calquera socialismo en calquera contexto.
A democracia directa xenera resultados virtuosos onde hai un pobo virtuoso, o exemplo é Suiza, que votou en contra de aumentar as vacacións, en contra da instauración dun salario mínimo, en contra da instauración dun salario máximo, etc. A democracia é un método de toma de decisións, o mellor inventado ata agora pero non é garantía per se dun resultado virtuoso. En relación ao asemblearismo só hai que pór o exemplo do espectáculo que deu recentemente as CUP en Cataluña, os partidos asemblearios non funcionan, non son operativos e están en inferioridade na contenda política e eleitoral, as decisións en Podemos son tomadas por Pablo Iglesias, que despois as somete a asembleas previamente amañadas, polo menos para os asuntos importantes, acaba de cargarse ao Secretario Xeral de Galicia, que fora escollido por primarias, demostrando que manda o señor Iglesias e non as asembleas, hai moito extra, no sentido cinematográfico, que se cre que está participando e que a sua opinión conta, as CUP pola contra, son un partido sinceramente asembleario, pero así non se pode ter éxito.
Abofé que precisamos moitas reformas; a racionalización da administración, suprimindo duplicidades, pechando as deputacións e trasladando o poder recadatorio ás autonomías xeneralizando o modelo basco e navarro do concerto, adoptar unha lexislación anti-corrupción como as que rixen no norte de Europa, reducir sustancialmente o gasto político, redeseñar o sistema fiscal para que non desincentive o esforzo, implantar o modelo liberal sueco de cheque escolar e sanitario, reforzar a autonomía local, despolitizar o poder xudicial, prohibir por lei os subsidios aos medios, liberalizar as emisións de TV e Radio, reformar e limitar os mecanismo redistributivos para que non xere incentivos perversos, legalizar a prostitución e as drogas brandas, apostar pola flexi-seguranza en materia de relación laborais, etc. En resumo, algo tan sinxelo como facer un redeseño institucional que nos asemelle ao norte de Europa, pero iso non o queren facer PP e PSOE porque implicaría perda de poder para eles e tampouco Podemos que aspira a un Estado ainda máis forte e arbitrario, só, e moi parcialmente, encontramos algunha destas medidas no programa de Ciudadanos.
É dicir por suposto que PP e PSOE son indefendibles para min, pero Podemos agravaría os problemas do Pais, e Ciudadanos dá a sensación de depender demasiado dos seus financiadores que están interesados en que o BOE siga funcionando como xenerador de negocio, agora din que non hai que cumprir as cifras de défice, xa de por si moi pouco exixentes, que pede Bruxelas.
-Que lle causa máis rexeitamento: o PP ou o conxunto de organizacións partidistas de esquerda?
Paréce que hai moita xente interesada en ubicar a todo o mundo nun dos dous bandos nunha perigosa dinámica frentista para despois poder descalificarte sen dar razón algunha, simplemente dicindo “mengano é do PP”, os liberais galegos somos moi incómodos para a extrema esquerda, a pesar do noso escaso peso social, porque lles facemos unha crítica dura e moi ben sustentada e non nos poden etiquetar como “peperos e fachas”. Eu abomino dos dous, o PP é unha organización dedicada case exclusivamente ao beneficio particular das suas cúpulas através do diñeiro que nos quita aos contribuintes e que se quedan para eles e para os que entran nas suas redes de intercambio de favores, o PSOE é algo moi parecido, con moi poucos matices. A pesar desta descripción tan crítica, o populismo é pior ainda que o PP, por dicilo en termos coloquiais o PP está formado por unha banda de extractores do diñeiro dos contribuintes e por inxenuos benintencionados que traballan para eses extractores, pero polo menos non son totalitarios, son relativamente tolerantes co diferente, toleran bastante ben as críticas que se lles fan, eu fago criticas moi duras ao PP nas redes sociais e non pasa nada, pero deus me libre de dicir algo de Podemos, aparecen varios atacándome a nivel persoal, PP e PSOE dentro do malo, manteñen unhas mínimas garantías, ainda que moi mellorables, de seguranza xurídica e respeito á propiedade privada e liberdade de expresión, ainda que en fase regresiva como se viu coa lei mordaza ou o desproporcionado encarcelamento dos monicrequeiros de Carmena.
Pero claro, pensar que Podemos con poder sería mellor é pensamento desiderativo (wishful thinking). O nivel de corrupción seria superior con Podemos que co PP, en que me baseo? En duas cousas, primero quen financia a Podemos son dous dos países máis corruptos do mundo, Irán e Venezuela, non o digo eu, dio Transparencia internacional, non creo que sexa coincidencia, e por outro lado, a maior intervención do Estado, máis corrupción, a corrupción concentrase nos sectores da economía que máis intervidos están polo Estado, a construcción, as infraestruturas, a banca pública (as caixas de aforros), o sector enerxético. Un sector enerxético nacionalizado sería ainda máis corrupto, as caixas foron moito maís corruptas e pior xeridas que os bancos privados, acabámolo de ver. A medida que un hipotético goberno de Podemos fose intervindo máis e máis sectores económicos a corrupción extenderiase como unha praga facendo que a corrupción do PP e PSOE chegase a parecer un xogo de nenos, non son un gurú, estou limitándome a describir o que pasou en todos os lugares onde gobernaron propostas políticas similares a Podemos.
Resumindo nen PP, nen PSOE, nen Podemos, quédome con Converxencia 21.
-Se houbese un referendo ou consulta en Galicia sobre o dereito a decidir, votaría a favor dunha república galega independente?
Depende, se é para facer unha república liberal seguindo o modelo irlandés votaría que si, se é para facer unha república comunista e autárquica, como a Albania dos anos 80 votaría que non, nesta segunda opción preferiría sen dúbida seguir pertencendo a España. Tamén influiría na miña decisión como fose España nese momento, resultariame máis atractivo permanecer nunha hipotética España liberal e faría todo o posible por conseguir a secesión de Tui ou de Galicia dunha España comunista. É dicir, o máis importante é a liberdade individual, síntome galego, fago algo pouco frecuente en Galicia, mesmo para os nacionalistas de esquerdas, falarlle aos meus fillos en galego, entendo o uso do galego, unha língua perseguida polo poder político durante séculos, como unha pequena homenaxe aos meus antergos dos que me sinto orgulloso e que falaban galego e como un exercicio diario de liberalismo, pero iso é unha cousa e outra moi distinta sería pretender que calquera nación, calquera língua ou calquera identidade deban estar por riba da liberdade individual. Unha parte, quizá maioritaria, do liberalismo español, subordina o seu liberalismo á sua identidade nacional española, eu non, a nación debe estar subordinada ao individuo.
-Sinte que a súa e outras forzas que ofrecen unha visión política alternativa á do establishment, están discriminadas mediaticamente fronte a partidos coma Podemos ou Ciudadanos?
Claro, Podemos e Ciudadanos deben o seu éxito en parte á grande entrada que tiveron en medios. Sería moi longo entrar en porqué tiveron esa entrada. En todo caso compre ser moi respeituosos coas escollas editoriais dos medios privados sempre que estas non se deban aos subsidios, os medios públicos son inmorais per se, financian con diñeiro dos contribuintes, é dicir de persoas de todas as ideoloxias, unha visión encamiñada a fortalecer o poder gobernamental e o statu quo, os medios privados son sempre máis abertos a novas opcións, eu acudin durante unha boa temporada a unha tertulia nunha TV privada galega, a nosa presenza na TVG foi igual a cero. Podemos débelle moito a unha canle privada que non é necesario mencionar, se houbese monopolio dos medios públicos como defende Iglesias, pouca xente sabería da existencia de Podemos.
-Finalmente, que opina vostede do Caso Pujol, o cal salpicou a dous partidos, CDC e UDC, que en certa medida son da órbita ideolóxica de C21?
UDC é un partido moito máis conservador co que nunca me identifiquei en absoluto. CDC é un partido socialdemócrata e democratacristán cunha pequena influencia liberal que ten a sua orixe na integración do Partit Liberal de Trias Fargas. A proba de que hoxe o peso do liberalismo é mínimo en CDC é as cesións que fan e fixeron ante ERC e as CUP en cuestión de política económica. Mesmo así, de todos os partidos con relevancia institucional na historia de España desde a transición é, xunto con Ciudadanos, este de recente aparición, os que, ao menos, reflectiron unha pequena ascendencia liberal.
Non acredito en que Pujol entrase en política por motivos económicos, ningún home de familia acomodada se mete en política, en contra dunha ditadura por motivos económicos, lembremos que fundou CDC no 1974 e que pasou pola cadea, é obvio que non se meteu nese lio buscando diñeiro, pero, e á espera do que digan os xuices, dá toda a impresión de que despois, unha vez acomodado na presidencia da Generalitat colaborou na montaxe dunha verdadeira industria familiar, moi ben organizada, de sustración de recursos dos contribuintes, algo inaceptable, tamén estou convencido de que o asunto saiu á luz non como consecuencia do latrocinio en sí, senón da aposta aberta de CDC pola vía secesionista.
Dito isto, Galicia hoxe seria moi probablemente unha comunidade máis próspera e respetada de ter contado cun partido propio no poder autonómico do estilo de CDC e desde logo o nivel de corrupción do PP en Galicia non lle tivo nada que envexar ao de CiU en Cataluña. Se Galicia fose gobernada por C21, mesmo coas limitacións dunha autonomía, Galicia despegaría nos rankings de riqueza en poucos anos.
–
Moitas grazas a Carlos pola súa colaboración con Polileaks, así como a cada un dos lectores desta entrevista.
Un cordial saúdo.
ou sexa que sen cartos non vas a ningun lado na politica? vaia trapallada
noraboa polo blog, ainda que non me aclaro. hoxe hai cousas novas e resulta que aparecen noutro lugar. non deberian ir ordeadas?
si, estamos facendo o que podemos e a veces hai errores. é o que ten facelo a custo 0€