O 2019 foi un ano particularmente malo para o PP no conxunto de España, pero tamén en Galicia, un dos seus bastións electorais. Deste xeito, o PPdeG volveu ser segunda forza nunhas eleccións de ámbito galego catro décadas despois (a entón chamada APdeG só perdera o primeiro posto nas eleccións constituíntes de 1977 e nas xerais e locais de 1979 en favor da extinta UCD). Desta maneira, en 2019 o PSdeG impúxose nas xerais do 28-A e nas europeas. Así mesmo, as dúas únicas vitorias do PPdeG dentro do ámbito galego o ano pasado foron pírricas: 0,6% máis que os socialistas nas locais dese ano e un 0,7% máis que estes últimos nas xerais do 10-N.
En contraposición, esta década foi absolutamente doce para o PPdeG a nivel autonómico con Feijóo á fronte. E parece que esta tendencia continúa, pois o presidente da Xunta ten serias opcións de manter a maioría absoluta, tal e como recolle NC Report (10 de abril de 2020), quen sitúa ao seu partido na fronteira dos máxicos 38/75 deputados.
Lembremos tamén que Feijóo, xefe do goberno galego desde 2009, é o único líder español de ámbito supralocal que sempre obtivo unha maioría absoluta cando se presentou a unhas eleccións (2009, 2012 e 2016).
E enriba, todo isto sucede cando no resto de esferas a esquerda goberna concellos que suman case o 80% da poboación galega, dirixe tres deputacións (A Coruña, Lugo e Pontevedra) que representan o 88% do total de cidadáns de Galicia e lidera o Goberno central máis parte da Comisión Europea.
Cales son entón as causas deste enorme éxito do PP galego cando se celebran comicios autonómicos?
- Causas externas:
- Ideolóxicas:
-A media ideolóxica dos galegos é centrista (4,98/10, segundo o CIS de febreiro de 2015) e o 77% dos galegos non é nacionalista (CIS de outubro de 2012).
Lembremos, neste sentido, que o PP galego se define como un partido de centro-dereita autonomista e cun perfil máis centrado -cando menos, tacticamente- que o PP xenovés.
- Partidistas:
-A falta de ilusión xerada polo PSdeG dende a derrota do Bipartito (2009): ausencia de líderes carismáticos, sensación de sucursalismo fronte a Ferraz e existencia de liortas internas ata a chegada de Gonzalo Caballero á secretaría xeral.
-A radicalidade coa que é catalogado aínda o BNG por moitos galegos: a non condena ou mesmo apoio a réximes políticos socialistas; as amizades perigosas con EH-Bildu, ERC ou CUP; a excesiva incidencia no discurso feminista; ou a defensa dunha república galega independente como fin a longo prazo non son ingredientes moi atractivos para un electorado coma o da nosa terra.
-As continuas pelexas internas no seo da esquerda alternativa non nacionalista ao longo desta década, xunto á percibida radicalidade no eixe dereita-esquerda, xogan en contra da actual Galicia en Común.
-A ausencia dunha formación rexionalista/nacionalista de centro-dereita que lle compita parte do electorado, ben por ausencia de estrutura organizativa ou pola ausencia de publicidade mediática a formacións minoritarias. O CIS de outubro de 2011 cifrou en 200.000 o posible número de galegos desa órbita ideolóxica (20% do PPdeG, 6% do BNG e 2% do PSdeG).
- Causas internas:
- Administrativas:
-O recurte de dous puntos de distancia da renta per capita galega respecto a 2009 (segundo o INE, en 2009 Galicia tiña uns ingresos que representaban un 88% da media nacional, mentres que en 2018 era o 90% da media estatal), que significou o ascenso ata o terceiro posto entre as CC.AA. por debaixo da renta per capita media española, ademais do feito de que cada galego en 2018 tivese 246 euros brutos mensuais máis que nove anos atrás.
-O feito de que Galicia é a quinta CC.AA. con menor nivel de débeda pública (17,5% sobre o PIB en 2019).
-A ausencia de graves deficiencias nos organismos encargados do Estado de Benestar en Galicia nesta última década, a pesar do recurte en 2018 de 266,5 millóns de euros en políticas sociais respecto a 2009, segundo a Asociación Estatal de Directores y Gerentes de Servicios Sociales.
-O feito de que en 2018 mantiña un gasto social do 63,8%, un 3,1% máis que a media española de acordo coa citada organización.
- Ética:
-A ausencia de escándalos significativos que implicasen a membros do goberno galego, coa excepción da famosa foto de Feijóo con Marcial Dorado.
- Comunicativas:
-Bo márketing político por parte dos estrategas do PPdeG, que transmiten continuamente unha imaxe de Feijóo de moderado e bo xestor.
-O ton máis respectuoso e menos bronco que os políticos da dereita española (PP, Cs e VOX).
-A imaxe de galeguista sensato (véxase a Feijóo rodeado de bandeiras galegas na imaxe para a campaña non-nata do 5-A).
- Ideolóxicas:
-A posición aparentemente máis centrada (a semellanza do PP vasco) no eixe dereita-esquerda fronte ao PP nacional, como antes sinalara.
-A transversalidade no identitario: unha característica que lle dá bos réditos electorais ao PPdeG. Sorprendentemente o PP de Galicia ten máis dun 20% de votantes que se senten máis españois que galegos ou só galegos. Outro dato curioso: a formación que recrutou nas eleccións autonómicas de 2016 a máis nacionalistas galegos non foi BNG-Nós Candidatura Galega, senón o PP (CIS de outubro de 2016). Este feito explica, en parte, a recente non unión con Ciudadanos.
Cómpre ter en conta, como dicía antes, que Galicia é a única CC.AA. do norte de España sen unha formación territorialista de corte non socialista.
- Institucional:
A ampla experiencia institucional do PP a nivel autonómico: dos trinta e nove anos de Autonomía os conservadores estiveron trinta e tres en San Caetano.
- Mediática:
A publicidade institucional a xornais galegos máis o control da cúpula directiva e informativa da RTVG.
- Organizativa:
A sólida estrutura organizativa do PP galego: o partido con máis militantes e moi ben distribuídos ao longo do territorio.
En vista das enquisas, tendo en conta todos estes factores máis o forte protagonismo mediático de Feijóo na crise do coronavirus -xunto ao feito de que non é o centro das dianas nesta pandemia-, posiblemente o político de Os Peares conseguirá a súa cuarta maioría absoluta, anque previsiblemente será máis axustada que as dúas anteriores.