O próximo 25 de setembro terán lugar as décimas eleccións autonómicas en Galicia e, por sexta vez consecutiva -segunda neste tipo de comicios-, a esquerda alternativa de ámbito estatal con maior éxito político presentarase en coalición preelectoral con parte do nacionalismo galego socialista (Anova-IN), entre outras forzas. A pesar da incerteza que había pola decisión final de Podemos de aceptar “diluirse” ou non en En Marea, finalmente, a formación morada acabou cedendo. Consecuentemente, este partido súmase, xunto a Esquerda Unida e a Equo, a unha confluencia de corte rupturista/semirrupturista, rexeneracionista e neogaleguista.

Estas decisións impiden coñecer con certeza o auténtico peso que teñen o conxunto de forzas non nacionalistas á esquerda do PSOE na nosa CC.AA., pois estas alianzas producíronse no momento de maior auxe electoral deste citado espectro; un feito, este último, que contrasta coa marxinalidade política na que vivían estas organizacións ata hai apenas un lustro.

Cando me refiro ó despegue da esquerda renovadora de obediencia estatal nesta década, fágoo a partir dunha serie de comparativas electorais máis de enquisas. Deste xeito, imos diferenciar tres etapas da historia política recente: dende os teitos electorais do BNG (finais dos 90) ata a irrupción de AGE (2012), AGE antes de Podemos (2012-14) e dende o nacemento do partido de Iglesias:

1. Nas eleccións xerais de 2000, a diferenza de votos entre BNG (306.268) e IU (21.127) foi de 285.141. Pola contra, nas xerais de 2011 (a última convocatoria anterior á aparición das “confluencias”) foi de 116.097 sufraxios: os nacionalistas obtiveron 183.279, mentres que os neocomunistas, 67.182. Se ós de EU sumamos os da entón extraparlamentaria Equo (9.996), a diferenza entre nacionalistas e non nacionalistas á esquerda do PSOE aproximouse a 100.000 votos.

2. A enquisa de Sondaxe de outubro de 2013 para unhas hipotéticas eleccións galegas amosou que a suma de BNG e Anova-IN (no caso de ir esta última e IU-EU por separado) era de 17, mentres que os de Yolanda Díaz obterían 3 escanos no Hórreo.

3. Xa a partir de 2014, nas eleccións europeas de maio dese ano, Podemos, que nacera catro meses antes, obtivo un 8,34% de votos en Galicia. Meses máis tarde, en outubro, esta empresa publicou un novo estudo para as eleccións autonómicas que colocaba ó partido “morado” cun 16,9% de intención de voto. De agosto de 2016 é o inquérito desa mesma compañía demoscópica, que outorgaba 5 deputados á formación frontista, 12 a En Marea e 6 a Podemos, no caso de ir por separado estes dous últimos, como finalmente non ocorreu. Se temos en conta o estudo do CIS de decembro de 2015, onde explica que pouco máis do 25% dos votantes de En Marea (con Podemos nela) eran nacionalistas, extraeremos que, cando menos, un terzo deses 12 escanos representaría a hipotéticos parlamentarios soberanistas.

A partir destes indicadores é claramente observable que a diferenza de apoios entre organizacións de corte nacionalista galego marxista, por un lado, e de esquerda renovadora co centro de decisión principal en Madrid, por outro, reduciuse a favor da segunda. Como causas destes feitos, podemos mencionar: a caída do sentimento nacionalista galego (segundo o CIS, en outubro de 1997 eran 1/3 dos galegos, mentres que en setembro de 2016 o número é lixeiramente superior ó 20%); ligada á anterior, a maior focalización mediática nas forzas de ámbito estatal na actualidade; as sucesivas crises e divisións internas nas formacións nacionalistas; a inexistencia dun líder carismático nas candidaturas “puramente” soberanistas, dende que Beiras deixou de ser voceiro nacional do BNG en 2003; ou a maior impopularidade do PSOE dende 2008, por motivos económicos e ético-políticos (Podemos e as súas confluencias captaron 1,5 millóns de votos do PSOE o 20-D, de acordo con Sigma Dos).

En vista de todos estes datos, podemos concluír que na actualidade, se temos en conta a natureza ideolóxica das organizacións partidistas representadas en todas as esferas institucionais, existen catro espectros en Galicia: conservador, neosocialdemócrata, nacionalismo galego progresista e esquerda transformadora non nacionalista. Este último súmase ós anteriores e cada vez está, en termos de apoio popular, máis preto do terceiro.

 

http://elprogreso.galiciae.com/noticia/503888/gomez-reino-descarta-la-existencia-de-presiones-estatales-en-podemos-galicia