O pasado 28 de febreiro o BNG celebrou unha nova Asamblea Nacional nun momento crucial da súa historia. Nela saíron finalmente vitoriosas as teses da UPG e MGS, forzas contrarias a pactos preelectorais con organizacións partidistas de natureza estatal. Se ben é certo que esta decisión non é aínda definitiva, todo apunta a que as chamadas ‘Confluencias’ máis unha parte do nacionalismo galego socialista, representada no Bloque, acudirán novamente ás urnas por separado.
Partindo de que o proceso foi impecablemente democrático e é plenamente lexítimo defender que nas vindeiras eleccións autonómicas haxa unha papeleta puramente nacionalista e, consecuentemente, non acudir xunto a organizacións dcon centro de decisión en Madrid; dende un punto de vista estrictamente resultadista electoral supón un erro a priori.
Deste xeito, para que exista a posibilidade dunha alianza preelectoral, en primeiro lugar cómpre analizar os elementos ideolóxicos comúns entre o BNG e as forzas que compoñen En Marea, neste caso, máis o contexto electoral. Desta forma, aparte de ser todas elas formacións de esquerda alternativa e rexeneracionistas, comparten, en termos identitarios: a defensa do dereito a decidir de Galicia, o recoñecemento desta como nación, a defensa da súa lingua e cultura ou dun maior autogoberno para a nosa CC.AA.
Por outra banda, nunhas eleccións autonómicas non van existir os problemas xurídicos que viviu En Marea -onde estaban Podemos e IU- para conformar un grupo galego propio no Congreso, o cal finalmente non se formou.
En vista dos datos anteriores, comprendemos como, de producirse, a hipotética alianza non sería forzada. Partindo desta base, as argumentacións da posible ineficacia de ir por separado fundamántanse en elementos de índole electoral máis un sociolóxico:
O primeiro deles é xurídico-electoral. Así, a división en catro circunscricións máis a necesidade de superar o limiar do 5% dos sufraxios en Pontevedra e A Coruña -sendo este superior en Lugo e Ourense- dificulta ó acceso ó Horreo ás formacións minoritarias.
En segundo lugar, a extrapolación dos resultados de Nós-CG do 20-D (4,32% dos votos) a unhas autonómicas, deixaría ó BNG fóra do Parlamento. Consecuentemente, o gran beneficiado sería a candidatura máis votada nas catro circunscricións, que previsiblemente será o PPdeG.
Facendo un breve inciso, cómpre ter en conta, nese caso, que se os conservadores manteñen a Xunta, o farán co apoio de C´s, que previsiblemente obterá representación. Dito pacto –pode ocurrir, tendo en conta que a extrapolación dos resultados de decembro ás galegas daríalle 38/75 deputados ó centrodereita- podería conlevar unha maior ‘españolización’ de Galicia e, en consecuencia, o Bloque sería visto polas forzas do espectro galeguista e progresista como o ‘culpable’ político de chegar a esa situación, o que conlevaría un distanciamento aínda maior cos seus potenciais votantes.
En terceiro termo (tamén electoral) e en contraposición á hipotética circunstancia anterior, se sumamos os votos de Nós e de En Marea (25,04%) nas últimas eleccións xerais, estes obterían 8/23 escanos no Congreso. Se ben é certo que unha parte das ‘Confluencias’ (segundo o CIS de decembro de 2015, un 15% dos seus votantes síntense máis españois que galegos ou unicamente españois) nunca votaría ó BNG -e á inversa ocorrería con algúns militantes e simpatizantes desta organización respecto ás ‘mareas’-, a suma -falando xa do caso das autonómicas de 2016- sería moi probablemente superior ó 25%, ademais de concentrada, polo que a eficacia resultadista sería bastante maior.
En cuarto e ultimo lugar, non nos podemos esquecer que o nacionalismo galego é minoritario (20% da poboación, en decembro de 2015, segundo o CIS) e o independentismo aínda máis (6%, en outubro de 2012, segundo a SER). Por tanto, este segmento demográfico pode, e de feito así o demostra, sentirse cómodo ideoloxicamente con En Marea (con moita máis presenza mediática, por outra banda); de tal maneira que á BNG compricaríaselle a súa supervivencia institucional na esfera supralocal.
En conclusión, calquera decisión desta índole tomada por unha organización partidista plenamente democrática e transparente é perfectamente respetable e ‘sacia’, neste caso, os anhelos dunha parte do electorado nacionalista -fundamentalmente o militante-, receloso de ir en coalición con forzas de obediencia estatal, entre as que se atopa Podemos, fortemente potenciada nos ‘media’, en detrimento doutras forzas coma o Bloque. En contraposición, esta posible decisión de non confluir é un risco en termos de supervivencia política e de conexión coa sociedade.