¿Que acontecerá en Catalunya e en España tralo 27-S se os independentistas (JxS e as CUP) obteñen 68/135 deputados e máis dun 50% dos votos?

A priori, a maioría das enquisas apuntan á superación da maioría absoluta en escanos mais non en votos dos secesionistas, polo que, ás barreiras xurídicas existentes, haberíalle que engadir, como «handicap» para os independentistas, a falta de claridade sobre un apoio maioritario á separación de España. Ademais, lembremos que son eleccións autonómicas e non un referendo, polo que votar a unha candidatura unionista ou independentista non significa dicir «si» ou «non», pois tamén entran moitos outros temas en xogo.

Supoño que todo dependerá do grao de «osadía» dos cargos lexislativos e executivos soberanistas cataláns e do nivel de flexibilidade ou mesmo belixerancia do actual Goberno Central. Neste sentido, dubido bastante da execución práctica dunha DUI por parte de Mas/Romeva…: polos riscos que leva implícita -mesmo bélicos: lembremos que o artigo 8 da Carta Magna sanciona a intervención do Exército en caso de secesión- e pola súa natureza xurídica ilegal, ó marxe das opinións de cada un acerca do dereito a decidir.

A chave da resolución deste conflicto pode estar na entrada de partidos rupturistas co actual réxime político no Executivo Central a partir de 2016; na transferencia ás CC.AA.s da competencia sobre consulta (mediante aprobación por maioría absoluta); ou nunha reforma federalista asimétrica da Constitución, xunto a outros moitos temas alleos á organización territorial do Estado.

Isto último só ocorrerá se o PP e os seus partidos «satélites» non alcanzan os 140 congresistas e 106 senadores, respectivamente e se os españois aproban ditas reformas en referendo, se así o pide un 10% dos membros dalgunha das dúas cámaras estatais, seguindo ó artigo 167 da CE. En caso de depender de forzas políticas como C´s ou UPyD, a reforma territorial faríase moi complexa e posiblemente entraría en xogo o procedemento de negociación «do ut des» (gañar nun tema, a cambio de ceder noutro, sempre dentro do inclusivismo), cuxo éxito foi notable na redacción da actual norma suprema.

En todo caso, son, primeiro os cataláns, os que poden chegar a forzar un cambio constitucional; e logo, o conxunto dos españois, probablemente o 20-D. O pobo terá a palabra.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *