O pasado 7 de abril Xosé Manuel Beiras cumpriu 8 décadas de vida, poucos días despois de anunciar que non descarta presentarse por sétima vez á presidencia da Xunta de Galicia. O seu nomeamento como presidenciable dependerá seguramente do grao de apoio dos militantes ou simpatizantes da candidatura de esquerda galeguista coa que se presente. Non obstante, o seu carisma e aptitudes colocaríano como favorito en ditas primarias. Ademais, a día de hoxe non se albisca nas “mareas” un candidato que reúna estas características, que sexa tan coñecido e que teña esa vontade.
A pesar da súa ampla traxectoria académica e política, o brionés nunca ocupou ningún cargo executivo. Algúns dos seus adversarios no espectro progresista, coma os militantes da súa antiga organización partidista máis críticos con el ou o eurodeputado José Blanco, destacaron que os momentos de éxito de Beiras coincidiron con maiorías absolutas do PPdeG. Destas afirmacións pódese concluír que a virulencia verbal de Beiras máis a existencia de episódicas vulneracións da orde nas sesións no Parlamento ocasionaron medo ou un forte rexeitamento entre case todos os votantes conservadores ou mesmo centristas, amortizando así a súa gran popularidade nunha parte importante do electorado socialista galego.
Para analizar se estas afirmacións son certas ou non, deterémonos en cada unha das fases da historia democrática da autonomía nas que el tivo protagonismo institucional (prefraguismo, fraguismo e “era Feijoo”):
1. Entre 1985 e 1989 o papel do veterano líder nacionalista era pouco relevante na política galega: o BNG só obtivo 1 e 5 escanos, respectivamente, e non formaba parte de ningún goberno.
2. Entre 1989 e 2005 o enorme éxito de Manuel Fraga foi debido fundamentalmente a causas endóxenas ó PP galego e español, así como externas alleas ó nacionalismo galego de esquerdas. Entre as primeiras, destacamos: o seu propio carisma, a capacidade de atraer a case todo o espectro dereitista e centrista (absorción electoral de Coalición Galega entre 1989 e 1993), a ausencia de casos de corrupción relevantes asociados á súa formación e o auxe aznarista. Nas externas atopamos: o declive felipista, o aproveitamento dos fondos da UE tras a entrada de España na CEE en 1986 ou a fase expansiva de crecemento económico que houbo entre 1995 e 2007.
3. Pola súa banda, a vitoria de Feijoo en 2012 obedeceu tamén a factores alleos ó suposto “medo” a Beiras: ós problemas internos de PSdeG e BNG, ó feito de que o PP aínda non estaba tan desgastado coma hoxe pola crise económica e ético-política ou á focalización por parte do PPdeG nas cifras relativamente mellores de Galicia en termos de déficit durante a campaña electoral.
Por outro lado, ímonos deter na historia electoral autonómica galega entre 1993 e 2009 e comparar a diferenza de votos entre os “populares” e o BNG de Xosé Manuel Beiras (494.606, en 1993; 437.316, en 1997; e 445.462, en 2001) e entre os primeiros e o BNG liderado por Anxo Quintana (444.608, en 2005; e 518.715, en 2009). Así, a media diferencial entre os resultados do PP e os do Bloque na fase na que Beiras xa era amplamente coñecido e na que tiña un rol xa relevante é de 459.128 votos. En contraposición, a diferenza media entre os conservadores e os “frontistas” na época quintanista é de 481.661 votos. A todo isto cómpre engadir, xa en 2012 e estando Quintana fóra da primeira liña política, que a diferenza entre o PPdeG e a suma de BNG e AGE (liderada por Beiras, superou en 54.801 votos ó anterior) foi de 346.855 votos, a distancia máis curta de toda a etapa autonómica.
En vista dos datos cualitativos e cuantitativos pódese apreciar como a diferenza en termos de eficacia electoral (relación entre os votos obtidos pola propia formación e os acadados polo principal adversario) é escasa e, en todo caso, favorable ó de Brión fronte ó alaricano. Por tanto, as maiorías absolutas do PP en Galicia pouco ou case nada tiveron que ver coa personalidade de Beiras.
Fronte a etapas anteriores (exceptuando os anos 2005 e 2009), o enfrontamento entre bloques políticos (PP e Ciudadanos, por un lado; e PSOE e as organizacións de esquerda alternativa galeguista, por outro; sen esquecer a posible entrada da localista Democracia Ourensana no Hórreo) preséntase moi igualado, xa que a extrapolación dos resultados do 20-D e a enquisa de Redondo & Asociados de xaneiro de 2016 danlle 38/75 escanos ó centro-dereita. Consecuentemente, se finalmente toma esta decisión e é elixido candidato de En Marea ou doutra candidatura ideoloxicamente moi próxima ou análoga, Xosé Manuel Beiras disporá do seu último cartucho para alcanzar o seu soño de ser presidente da Xunta con non poucas opcións de conseguilo. A bastante probable superación electoral das “mareas” ó PSdeG outorgaríalle, en tal caso e de alcanzar xuntos a maioría absoluta, ese cobizado cargo institucional. Se finalmente estes non alcanzan, xunto co BNG (aínda non tomou unha decisión definitiva respecto ás alianzas preelectorais), os tan prezados 38 deputados, o brionés poría punto e final á súa carreira política sen poder levar a cabo nunca na práctica ningún dos seus fundamentos teóricos.