O PPdeG volveu gañar unhas eleccións autonómicas (41/75 e 48% dos votos), coma sempre en Galicia. Este partido está batendo todos os récords: 11/11 comicios desta índole gañados, oito maiorías absolutas e, se a XI lexislatura transcorre con normalidade, gobernará en 2024 trinta e sete dos corenta e tres anos de Autonomía.

            Á parte do control da CRTVG e dalgúns medios privados, da gran implantación territorial do PP e mais da natureza sociolóxica centrista e non nacionalista da media dos votantes galegos, as claves do éxito foron: a enorme solidez interna desta organización, a rendibilidade mediática na xestión da COVID-19, o seu enfoque presidencialista, a difuminación das siglas do PP (con intención de disocialo do dereitista Casado), a imaxe de home de Estado e de bo xestor transmitida por Feijóo, o seu discurso centrista (alonxado de Génova 13), o galeguismo sensato e a querencia a Galicia profesadas en público…, sumados ao medo ao caos que suporía un goberno formado por dez partidos (PSdeG-PSOE, BNG, CxG, PG, En Marea, Podemos, IU-EU, Anova-IN, confederación de Mareas locais e Equo).

            O BNG tivo un resultado tan ilusionante como agridoce. Non conseguiu o obxectivo de desbancar a Feijóo do poder, mais si o de liderar a oposición quince anos despois e cun resultado récord de escanos para os soberanistas (19/75 máis un 23,8% dos sufraxios). A diferenza de Caballero, Pontón fixo un discurso máis humilde e respectuoso, centrado máis no seu proxecto para Galicia e sen ningún tipo de dependencias exteriores, antepoñendo a cuestión social á nacional e aproveitándose da desfeita no seo da esquerda alternativa non nacionalista. En contraste con estes últimos, hoxe o BNG é un partido sólido que transmite seriedade a moitos galegos.

            En diante o reto dos independentistas será -sen renunciar aos seus principios- atraer a votantes galeguistas do PSdeG e, sobre todo, a abstencionistas e simpatizantes moderados do PPdeG. Pois se os populares perden votos e se os de azul celeste (BNG) reciben novos sufraxios, San Caetano perigará para os azul escuro (PP).

            Pola súa banda, o PSdeG (15/75 e 19,38% dos votos) fixo unha campaña moi mellorable desde o punto de vista da busca do éxito electoral: os seus constantes fracasos nas autonómicas -que contrastan coas vitorias (europeas e xerais do 28-A) e doces e pírricas derrotas (locais e xerais do 10-N) de 2019 en territorio galego- merecen unha análise á parte e, cremos, unha profunda reflexión por parte dos seus líderes.

            Se ben é certo que este partido non ten o poder que ostenta o PPdeG, os erros de campaña foron notables por parte de Gonzalo Caballero: escaso enfoque público nos proxectos económicos de país (nas súas aparicións públicas centrouse en exceso na defensa do Estado de Benestar e apenas fixo referencia a como xerar riqueza); sucursalismo acrítico e maniqueísta amosado na ausencia de reproches ao Goberno central (Sánchez é moi bo e Feijóo, moi malo); ligar a mellora de Galicia ao feito de gobernar o PSOE en Santiago de Compostela ou Madrid (cando moitos galegos asocian este partido coa escasa querencia e compromiso cara á Galicia); o feito de mentir sostendo que Feijóo perde cada día 20.000 votos, mentres as enquisas diariamente lle daban maioría absoluta ao dos Peares (como así sucedeu); a súa arrogancia (estaba convencido de que a esquerda sumaría maioría absoluta e que el sería a primeira forza vermella, pero ningún destes feitos sucedeu) e a miopía política amosada en campaña afincada en que, se as candidaturas esquerdistas obtiveron o 55% dos votos nas xerais do 10-N, isto significaría maioría social progresista nas autonómicas.

            As grandes perdedoras da noite foron GeC-Anova-Mareas e Marea Galeguista (MG), que non obtiveron ningún escano (3,93% e 0,22%, respectivamente). Ambos foron penalizadas polas súas liortas internas e polo feito de ter unha escasa estrutura organizativa no conxunto de Galicia; foron vítimas da auxe electoral do BNG e pagaron o caos de siglas existente dende 2012 (entre partidos, correntes, candidaturas, grupos parlamentarios e seccións de grupos parlamentarios), que acabou mareando -nunca mellor dito- ao electorado de esquerda galeguista: Encontro Irmandiño, AGE, En Marea (partido), En Marea (coalición), Podemos, IU, Equo, Cerna, ecogaleguistas, Anova-IN, FPG, distintos nomes das mareas locais, Unidas Podemos, Unidos Podemos, En Común, Galicia en Común-Anova-Mareas, Marea Galeguista, grupos mixtos no Hórreo de xente desta órbita ideolóxica na IX e X Lexislatura, etc.

            No caso dos primeiros hai que sinalar tamén o escaso tirón electoral de Gómez-Reino máis o declive en apoio popular ao pablismo podemita no conxunto de España.

            No que respecta a Marea Galeguista, o feito de que os tres partidos que a formaron (CxG, En Marea e PG) non teñen nin líderes coñecidos nin matrices estatais reflectiuse no resultado, a pesar do protagonismo mediático na campaña polo feito de que MG herdou a marca electoral da vella En Marea. MG rematou por debaixo de PACMA (0,46%), un partido político que segue sen obter representación institucional en España.

            Con políticos pouco coñecidos e con moi escasa presenza orgánica en Galicia contan tamén VOX e Ciudadanos (2,03% e 0,75% dos sufraxios, respectivamente), os outros perdedores desa noite, ao non obter tampouco ningún escano. O voto útil ao PP, en ambos casos, máis o posicionamento extremista (no caso da formación verde) xogaron tamén en contra destas organizacións.

            En resumo, será difícil discernir que ocorrerá políticamente en Galicia (e no conxunto de España) en 2024. Se ben o PPdeG parte cuns cimentos moi sólidos, non é menos certo que agora os conservadores perderon a baza do medo ao multipartito, teñen 56.968 votos menos que en 2016, están minguados a nivel local máis non forman parte do Goberno central, corren o risco de desgastarse cando sumen quince anos na Xunta (lembremos o que lle sucedeu a Fraga en 2005) e teñen enfronte a unha lideresa (Pontón) moi carismática e que non esperta o rexeitamento do electorado popular cara á figura de Beiras cando era líder do BNG e logo da extinta AGE.

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *