Este domingo 25 de setembro de 2016 terán lugar as décimas eleccións autonómicas en Galicia. Moitos dos temas tratados ó longo desta campaña e na lexislatura 2012-16 pivotaron en torno ó clásico eixe esquerda/dereita, así como, en menor medida, ó redor do outro gran espectro sobre o que pivota a política galega: nacionalismo centrípeto/nacionalismo periférico. Fortemente asociada a esta segunda subdimensión da ideoloxía nacionalista atópase o galeguismo, polo que comprendemos o conxunto de plantexamentos teóricos que exaltan a singularidade galega (lingua, cultura, historia, costumes,etc.), traducida, a efectos político-administrativos, nun maior ou menor nivel de descentralización respecto ós poderes supraautonómicos e especificamente, no caso do galeguismo nacionalista, no menor ou nulo sentimento de españolidade. Ademais, non hai galeguistas que se sintan máis españois que galegos ou unicamente españois.
Cómpre afirmar que ser galeguista non implica necesariamente sentirse máis galego que un non galeguista, dende o punto de vista emocional cara un territorio. Se ben é certo que o destacamento dos mencionados trazos pode conlevar un maior amor á terra e que case todas esas persoas amosan notablemente galeguidade, este sentimento tamén se dá -pode perfectamente chegar a darse coa mesma, maior ou menor intensidade- en individuos alleos a esta corrente ideolóxica, cuxo afecto a Galicia reside en boa medida- deixando de lado os elementos identitarios- no feito de ser o territorio de ubicación dos ascendentes, nacemento e/ou de desenvolvemento do conxunto de experiencias vitais.
Por tanto, se comparamos a un galeguista cun non galeguista dos que non coñecemos os seus perfís, poderiamos pensar que o primeiro pode terlle máis afecto á nosa CC.AA., cando non ter por que. A diferencia estribaría en que o declarado galeguista desexa un maior grao de autogoberno para Galicia -ou mesmo a independencia- e o seu sentimento de pertenza a España pode ser máis baixo có do segundo (isto último non ocorre nalgúns autonomistas e federalistas).
En terceiro lugar, debemos diferenciar os moitas veces misturados conceptos de galeguismo e de nacionalismo galego. Estas son dúas concepcións de territorialismo identitario (un exemplo de territorialismo non identitario é o localismo). Ambos (galeguismo no seu conxunto máis nacionalismo) comparten a mencionada defensa da singularidade galega dentro do Estado español. Distínguense en que o primeiro abrangue un abanico máis grande de sensibilidades, mentres que o segundo -incluido dentro do propio galeguismo- sostén que Galicia ten trazos distintivos que a colocan, no plano identitario, en pé de igualdade co resto de nacións do mundo. Para un nacionalista, as consecuencias dese feito serían que a constitución como estado independente, de producirse, sería coherente dende o punto de vista histórico, sociolóxico e científico-natural.
En todo caso, ser nacionalista non implica necesariamente ser independentista, pois nos desexos da mesma, aparte dos elementos mencionados, tamén inflúen outros de índole económica e política, así como psicolóxica (por exemplo, no caso escocés, o medo ó cambio, como aconteceu en 2014 no referendo sobre a posible independencia dese territorio, na que boa parte do 10% de nacionalistas indecisos optou polo Non á plena soberanía). En terceiro lugar, a maioría dos nacionalistas teñen como denominador común a defensa, cando menos a longo prazo, de que a súa suposta nación convírtase en estado independente algún día. Finalmente, tódolos nacionalistas teñen o seu centro de decisión político principal no territorio exaltado a afectos identitarios e do que reclaman máis poder político-administrativo. Finalmente, o nacionalismo é compatible co internacionalismo, polo que non se pode considerar unha ideoloxía illacionista.
Desta forma, para un nacionalista, unha nación posúe uns elementos diferenciadores (lingua, historia, cultura, raza,etc.) que se distinguen dos da rexión no sentido de que os do primeiro presentan un estadio superior de distinción. Vexamos exemplos ilustrativos: LINGUA vs dialecto ou non existencia de variedades lingüísticas, EXISTENCIA DE INDEPENDENCIA territorial no pasado vs ausencia da mesma, RAZA DISTINTA Á DOS POBOS DO ENTORNO vs inexistencia da mesma, distinta CULTURA POLÍTICA (eurolatina, centroeuropea-occidental, anglosaxona, nórdica ou eslava; no caso europeo) vs mesma cultura política ou PERTENZA A UN DISTINTO DOMINIO CLIMÁTICO vs pertenza a un mesmo dominio climático diferente. O máis distintivo de todos case sempre é a lingua. Como vemos, os elementos da rexión cohabitan na mesma órbita cos doutros pobos cercanos xeograficamente, mentres que os da nación sáense desta.
O maior nivel de sentimento diferencial soe levar consigo un maior afán descentralizador, pero non sempre é así, pois xa comentamos que hai galeguistas que buscan unha cohabitación co resto de pobos españois e, ademais, nestes anhelos poden influir factores económicos ou mesmo psicolóxicos. Así, fóra de Galicia, en Cataluña, por exemplo, asistimos á existencia de escasos pero simpatizantes do PSC que se sinten máis españois que cataláns ou unicamente españois que apostan pola independencia debido ó que eles consideran déficit fiscal desa CC.AA. ou á sensación de catalanofobia que perciben en moitos habitantes pertencentes a outros territorios do Estado.
Por outra parte, se nos detemos no caso galego, esta sería a clasificación do noso territorialismo, coñecido como galeguismo:
–Neorrexionalismo: aquí incluimos á maior parte do PPdeG e do PSdeG. Destacan a singularidade galega como nacionalidade histórica, tal e como recolle o Estatuto, pero sosteñen que esta non é suficiente para ser nación. Defenden o statu quo autonómico.
–Federalismo non nacionalista: aquí podemos incluir á á galeguista do PSdeG e á maior parte da esquerda alternativa non nacionalista de ámbito estatal. Sinalan que Galicia é unha nación, pero non son nacionalistas, pois descartan totalmente a curto e longo prazo a posibilidade de independencia.
–Nacionalismo federalista/confederalista: defendido por CxG e por parte de Anova-IN e dos sectores máis moderados do BNG. Prefiren unha unión solidaria co resto de pobos ibéricos, mais non descartan a posibilidade de preconizar a independencia no futuro.
–Federalismo neogaleguista: supón unha conxunción do primeiro e dos beiristas, entre outros. Baséase na alianza cooperativista, de corte rexeneracionista, entre nacionalistas e non nacionalistas de corte socialista. A forza que representa mellor esta corrente é o partido instrumental En Marea.
–Nacionalismo independentista: defendido pola UPG, MGS e boa parte de Anova-IN. É a corrente máis maximalista. Defende o recoñecemento de Galicia como nación e que esta alcance a independencia tras pasar por un proceso de autodeterminación.
En conclusión, o galeguismo é, na actualidade, unha corrente identitaria, que resalta a singularidade galega, que é bastante heteroxénea, que abrangue dende ó autonomismo ó independentismo e que inclúe tanto a forzas co centro de decisión principal en Madrid como a aquelas que o teñen na nosa CC.AA.. Soe implicar, anque non ten por que, un alonxamento respecto ó sentimento de españolidade e soa confundirse e misturarse co nacionalismo, anque xa vimos que son dous conceptos relacionados pero diferentes.
http://www.worldflags.es/imagenes/banderas/1508p_GALICIA%20CE.JPG