O mapa das eleccións autonómicas de 2016 na nosa CC.AA. non varía moito respecto ó de hai catro anos. Segue habendo catro espazos que, por orde de apoio popular, representan as tendencias políticas maioritarias da sociedade galega: conservador, de esquerda alternativa neogaleguista, neosocialdemócrata e nacionalista de esquerda rupturista.

O PPdeG (AP, en 1981 e 1985; e PP-Centristas de Galicia, en 1989) obtivo o 25-S a súa décima vitoria nunhas eleccións desta índole. Este feito sucedeu sempre dende o inicio da etapa autonómica. Soamente nos dous primeiros anos citados e en 2005 venceu por maioría relativa. O éxito do pasado domingo obedece, por un lado, a factores netamente sociolóxico-políticos (dacordo co CIS de setembro de 2016, o 80% dos galegos non é nacionalista e a media ideolóxica no espectro dereita-esquerda é centrista: 4,82/10). Por outra banda, as disputas internas do PSdeG e nas “confluencias”, a existencia de pequenos signos de recuperación económica en Galicia, as dificultades de formación do goberno central ou o éxito na transmisión da imaxe de “bo xestor” de Feijóo xogaron ó seu favor para acadar 41/75 deputados.

En Marea mellora os resultados de AGE (14 vs 9 escanos), pero estes son algo máis modestos dos que indicaban as enquisas. O escaso coñecemento do seu candidato á presidencia, Luis Villares, as liortas no seo de Alternativa, Podemos ou entre partidarios e detractores do partido instrumental ou as fortes críticas dos principais ‘media’ á formación morada nos últimos meses impediron mellores rexistros.

O PSdeG obtén o peor resultado da súa historia neste tipo de comicios (14/75). Aquí debemos considerar o forte descrédito sufrido polo PSOE no conxunto do Estado dende 2008 a causa da crise política e económica. En clave galega, o tamén pouco coñecemento da figura de Leiceaga ou os enfrontamentos entre os partidarios deste e os de Caballero pola confección das listas de Pontevedra debilitaron a fortaleza da que sempre fora (salvo en 1997 e 2001) a segunda forza en votos.

Pola súa banda, BNG-Nós perde 27.045 votos e un deputado respecto ós sete que obtiveran en solitario os frontistas en 2012, polo que continúa a liña descendente iniciada dende o teito electoral de 1997, cando logrou dezaoito actas. Non obstante, se comparamos os resultados destes comicios (118.982) cos obtidos nas xerais do 26-X (45.242) o aumento é bastante significativo. Se a este feito lle unimos a boa valoración de Pontón pola maior parte dos enquisados de distintos medios tralo debate na TVG, os soberanistas resisten e ven o futuro con certa esperanza.

As citadas son as candidaturas que obtiveron representación no Parlamento. As outras vinteunha ficaron fóra. De entre estas, tres, que corresponden a forzas cun certo peso institucional noutras esferas, obtiveron importantes fracasos. A primeira delas é C´s, que o 20-D, lembremos, obtivera 1/23 escanos no conxunto das catro provincias. O 25-S non alcanzou nin o 4% de voto en ningunha delas. As causas do seu fiasco podemos atraibuilas á capacidade de absorción por parte do PPdeG do partido ‘laranxa’, ó notable descoñecemento de Losada e á baixa valoración desta tralo debate a cinco.

Outra importante derrota foi a de DO, que logrou cos seus 7.679 votos aproximadamente a metade dos acadados nas locais de 2015, os cales daríanlles un deputado. A súa escasa presenza mediática e a ausencia do carismático Jácome nas listas, entre outros factores, impediron acadar o obxectivo de entrar no Hórreo.

Finalmente, CxG, a cuarta forza galega a nivel municipal, conseguiu só o 0,28% dos sufraxios, obtendo así o peor resultado da súa curta historia.

En vista destes datos e tendo en conta a natureza semiproporcional do sistema electoral, se as organizacións de esquerda galeguista queren ter opcións de sumar entre elas 38 escanos na vindeira cita autonómica, terán, entre outros aspectos, que presentar candidatos notablemente coñecidos, evitar disputas endóxenas ou texer alianzas preelectorais que integren a máis forzas.

http://www.farodevigo.es/elecciones/galicia/2016/09/08/

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *